Accesibilidade do proceso electoral

Breve guía sobre accesibilidade: Eleccións a Cortes Xerais 2015

0. Normativa aplicable.

I. Locais electorais e mesas electorais accesibles.

Os locais electorais, e as mesas electorais (propostos polos Concellos ás Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral) deberán ser accesibles e dispoñerán dun espazo, accesible e adecuado, situado o máis preto posible da mesa electoral na que lle corresponda votar ao elector. Nese lugar daranse as condicións de intimidade necesarias para que o elector poda elixir a súa opción de voto en secreto.

Transporte de electores: Nos procesos electorais cuxa xestión sexa competencia da Administración Xeral do Estado, como é o caso das Eleccións a Cortes Xerais, e se constate a ausencia de transporte público accesible ao local electoral, a Administración Xeral do Estado proporcionará medios de transporte gratuítos adecuados para as persoas con discapacidade motriz que o solicitaren, sempre e cando existan dispoñibilidades orzamentarias. A estes efectos, pódese contactar coa Xunta Electoral de Zona competente ou, directamente, coa Delegación ou Sub Delegación do Goberno correspondente.

II. Membros das mesas electorais.

Os membros das mesas electorais velarán para que os electores con discapacidade podan exercer o seu dereito de voto coa maior autonomía posible adoptando para iso os axustes razoables que resulten necesarios.

Servizos gratuítos para membros de mesa electoral xordos ou con discapacidade auditiva:

  1. Servizo gratuíto de interpretación de lingua de signos para persoas xordas ou con discapacidade auditiva (usuarias de lingua de signos) que teñan sido designados membros de Mesa electoral (tanto titulares, como suplentes).

    a) As Administracións públicas proporcionarán ás persoas xordas ou con discapacidade auditiva (usuarias de lingua de signos) que teñan sido designadas membros de mesa electoral, sen prexuízo do dereito das citadas persoas a escusar a aceptación do cargo de membro dunha mesa electoral nos termos establecidos no artigo 27.3 da LOREG, e sempre que estas o soliciten en tempo e forma: un servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos, cando se trate de persoas xordas ou con discapacidade auditiva, usuarias da lingua de signos española ou, no seu caso, das linguas de signos propias das comunidades autónomas, que teñan sido designadas membros de mesa electoral.

    b) Procedemento:

    • Estas persoas poderán solicitar á Xunta Electoral de Zona, por escrito e no prazo de sete días fixado polo artigo 27.3 da LOREG, o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos.

    • A Xunta Electoral de Zona poñerá en coñecemento da correspondente Delegación / Sub Delegación do Goberno os supostos nos que aquela teña resolto que se debe proporcionar o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos.

    A Sub Delegación do Goberno correspondente comunicará estes casos ao Ministerio do Interior (pois correspóndelle a coordinación da xestión e desenvolvemento dos procesos electorais de ámbito estatal, así como das funcións que corresponden ás unidades dependentes doutros Ministerios con competencias en materia electoral) e, de maneira simultánea, poñerase en contacto co Teléfono CNSE 607 992 514 (horario de atención: de 08:00 a 20:00) especialmente habilitado pola Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), en colaboración co Ministerio do Interior e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, aos efectos de seleccionar aos intérpretes oficiais de lingua de signos que prestarán o citado servizo durante a xornada electoral.

  2. Servizo gratuíto de bucle de indución magnética a Mesa electoral para persoas xordas ou con discapacidade auditiva (usuarias de próteses auditivas) que teñan sido designados membros titulares de Mesa electoral.

    Procedemento:

    • As citadas persoas poderán solicitar á Xunta Electoral de Zona, por escrito e no prazo de sete días, o servizo gratuíto de bucle de indución magnética.
    • A Xunta Electoral de Zona poñerá en coñecemento da correspondente Delegación / Sub Delegación do Goberno os supostos nos que aquela teña resolto que se debe proporcionar o mencionado servizo gratuíto.

    A Sub Delegación do Goberno correspondente comunicará estes casos ao Ministerio do Interior, que levará a cabo as xestións necesarias con FIAPAS (Confederación Española de Familias de Persoas Xordas).

III. Procedemento de votación accesible: entrega na mesa electoral da documentación adicional en braille para electores cegos ou con discapacidade visual grave que o teñan solicitado en tempo e forma. (tel. gratuíto ministerio do interior 900 150 000)

Se nunha mesa electoral vai votar unha persoa cega que o houbese comunicado polo teléfono gratuíto do Ministerio do Interior (900 150 000), segundo a normativa en vigor, o seu desexo de utilizar o voto accesible, na mesa deberá haber:

  1. Unha listaxe co DNI dos electores que teñan solicitado o voto accesible.
  2. O correspondente conxunto/maletín de votación accesible para as Eleccións a Cortes Xerais contén:

    • Unha guía explicativa en braille.
    • Un sobre de votación normalizado, non rotulado en braille, para as Eleccións ao Senado.
    • Un modelo perforado dentro do que está a papeleta electoral estándar para as Eleccións ao Senado.
    • Unha listaxe, en Braille, cos nomes dos candidatos e candidatas ao Senado.
    • Un sobre grande cunha etiqueta en braille e tinta que di “Eleccións ao Congreso dos Deputados”. Este sobre grande contén:

      • un sobre pequeno (tamaño cuartilla) por cada candidatura que concorra ás Eleccións ao Congreso dos Deputados na correspondente circunscrición electoral. Cada un deses sobres pequenos ten pegada unha etiqueta na que consta, en braille e tinta, o nome e o acrónimo da candidatura cuxa papeleta electoral (estándar, non en braille) está dentro.
      • un sobre de votación normalizado, non rotulado en braille, para as Eleccións ao Congreso dos Deputados.

IV. Recomendacións xerais: as persoas con discapacidade e a xornada electoral.

1. Actúe con naturalidade e respecto.

As persoas con discapacidade son persoas autónomas e independentes e como tales han ser tratadas.

Non se ha de presupoñer que unha persoa, polo mero feito de ter unha discapacidade, necesita axuda. Se o entorno é accesible, as persoas con discapacidade adoitan manexarse sen dificultade.

Guíese en todo caso polo sentido común e polo principio de igualdade e non discriminación.

2. Pregunte antes de axudar.

Pregunte se é necesaria a súa axuda só se o elector ou a electora con discapacidade parecen necesitala. E se esa persoa a acepta, antes de actuar, pregúntelle de qué modo concreto pode vostede axudala.

Diríxase directamente á persoa con discapacidade, non ao seu acompañante (Ex. Persoa da súa confianza, intérprete de lingua de signos etc.), no seu caso.

3. Utilice o sentido común.

Por exemplo, parta da idea de que unha persoa en cadeira de rodas é unha persoa sentada, e ante unha persoa sentada o habitual é agacharse para estar á súa altura, ou sentarse nunha cadeira fronte a ela.

Se diante dunha incidencia concreta exposta por unha persoa con discapacidade non sabe como actuar, contacte co Responsable da Administración do local electoral ou coa Xunta Electoral de Zona.

Se se formar unha fileira á hora de votar recoméndase que os electores con discapacidade teñan preferencia para emitir o seu voto.

Os cans guía, e os cans de asistencia para persoas con discapacidade, serán sempre admitidos, non poderán ser separados da persoa que os necesita e non serán molestados, nin distraídos.

4. Teña coidado co contacto físico.

Algunhas persoas con discapacidade dependen dos seus brazos para manter o equilibrio. Tomalas do brazo, incluso se a súa intención é axudar, podería facerlles perder o equilibrio, ou asustalas, porque non esperaban ese contacto.

Evite tocar as cadeiras de rodas ou, no seu caso, o bastón: as persoas con discapacidade consideran que estes elementos son parte do seu espazo persoal.

5. O acceso ao local electoral e o itinerario ata a mesa electoral: acompañamiento e información.

A petición dos electores/as con discapacidade, só cando o soliciten, na entrada ao local electoral, o representante da Administración ou os membros das Forzas e Corpos de Seguridade poderán acompañalos no itinerario ata a mesa electoral correspondente, sen empuxar ou tocar, no seu caso, a cadeira de rodas a menos que a persoa con discapacidade o solicitar.

Se se tratar dunha persoa con discapacidade visual, pódeselle ofrecer que se suxeite ao noso brazo. En este caso, acompasaremos o noso paso ao da persoa con discapacidade visual e tendo en conta as características do medio polo que nos despracemos, para que camiñe comodamente.

Para atender as eventuais demandas de información, e orientación, expostas polas persoas con discapacidade, tanto sobre o acceso ao local electoral como sobre o desprazamento polo interior do local electoral para chegar ata a mesa electoral, teranse en conta as pautas especificadas no seguinte apartado.

6. Pautas para facilitar a comunicación: comuníquese con claridade.

En relación coas persoas xordas, ou con discapacidade auditiva, é recomendable: falar de fronte, non mover a cabeza; evitar falarlles cando esteamos de costas, agachados o escribindo, non berrar, vocalizar de forma normal, é dicir, falarlles co ritmo normal de calquera conversa sen ter obxectos na boca, nin obstaculizando a visión clara do rostro e, se se precisar, pode axudarse da escritura, de xestos naturais ou chamar a atención cun lixeiro contacto no brazo; o lugar debe dispoñer de boa iluminación e a persoa xorda ou con discapacidade auditiva non deberá estar de fronte ao sol, o contraluz dificulta a visibilidade do rostro.

Non se comunique con palabras soltas, pois poden inducir a erro. As persoas xordas necesitan o contido íntegro dunha frase para entender o contexto.

Cando a interacción sexa cunha persoa con discapacidade visual, evite o uso de indicacións xenéricas como “aquí”, “alí”, “isto”… Nestes casos, é preferible empregar expresións máis indicativas, como: “á súa esquerda”, “detrás de vostede”. No caso de que se desexe dar información sobre un obxecto, pódese conducir, previo aviso, a man da persoa con discapacidade visual cara ao obxecto sobre o que se lle está a dar información, e indicarlle de que se trata.

Se estarmos a falar cunha persoa con discapacidade visual, avisarémola se imos a ausentarnos xa que, do contrario, pode seguir dirixíndose a nós pensando que aínda permanecemos á súa beira. Do mesmo xeito, se regresarmos, é conveniente indicarllo.

Comprobe que a persoa con discapacidade comprendeu o que lle trata de comunicar.

7. Persoas con discapacidade que son membros de mesa electoral.

Como xa se dixo anteriormente, é posible que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva (usuaria da lingua de signos) teña sido designada membro de mesa electoral. Para iso, pode contar cun servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos, previa solicitude á Xunta Electoral competente, seguindo o procedemento descrito no apartado II desta guía.

Igualmente, no caso de que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva se comunicar a través da lingua oral, teranse en conta as pautas de comunicación sinaladas no apartado 6. É posible que un membro de mesa electoral utilice un medio de apoio á comunicación oral: o bucle de indución magnética é un “produto de apoio”, un dispositivo do tamaño dun folio que só necesita conectarse á rede eléctrica.

Más información: infoelectoral@interior.es